martes, 25 de mayo de 2010

Onde hai rede, hai esperanza

Todos somos conscientes de que os medios de comunicación tradicionais están acomodados en rutinas. O copy paste, a transcrición literal das notas de prensa ou a inexistencia de preguntas nas rodas de prensa dan conta dun xornalismo que deixou de informar, como un día dixo Bru Rovira. A rutinización está á orde do día, e disto dá boa conta Manuel Rodríguez Santabaya, un mozo de Mazaricos que ve na internet un xeito de loitar contra a tiranía das grandes empresas mediáticas.

Para Alba Pinto, outra promesa do xornalismo, a mercantilización da información é un dos maiores lastres do xornalismo. As empresas mediáticas buscan a rentabilidade a través de contidos cada vez máis banales e menos relevantes. Alba afirma que a internet contribúe a derribar esa barreira porque detrás pode non haber intereses económicos. Na rede, todos e todas podemos ter voz propia e ser oídos. Os xornalistas teremos que facernos un oco e repensar esta profesión sen morrer no intento.

E aquí remata esta remesa de artigos. Pequenas pezas que mostran o xeito en que cada un dos futuros xornalistas ven a profesión agora que están a piques de incorporarse ás súas ringleiras.

lunes, 24 de mayo de 2010

O escepticismo preside os contidos xornalísticos na rede

Outra remesa de xornalistas con ganas de saír ó mundo do traballo para ver cos seus propios ollos a realidade de todo o que se está a aventurar son Borja, Merce e Gemma.

Para Borja, a aparición no escenario mediático dun novo soporte non implicará a desaparición dos existentes, senón que os obrigará a mellorar para poder competir nun escenario cada vez máis complicado. En internet multiplícanse as voces,e por tanto as canles de información serán máis e máis diversas. Haberá que ver a estratexia da radio, a tele e a prensa para facerlle fronte ó xigante.

Quizás na diferenciación estea a resposta á anterior cuestión. Nisto reparou Mercedes Rey, que de pequena quería ser decoradora de interiores pero logo mudou a súa idea cara á que, como dicía Déborah, é a profesión máis fermosa do mundo. Na diferenciación está sempre a clave. Hoxe estamos saturados por todas partes, non só no ámbito do xornalismo. Porén, seguen a nacer iniciativas de novos emprendedores que teñen unha visión diferente das cousas, e que cos mesmos ingredientes en diferente orde teñen un produto innovador e sumamente atractivo.

Por último, Gemma, que representa o escepticismo con respecto á web, ten claro que o que sucede é que a xente lle ten medo á información, ou máis ben a informarse. Sostén esta santiaguesa que na internet perdémonos e non somos capaces de distinguir entre a verdade, o erro, a mentira ou a difamación. Non hai firmas en moitas ocasións. Grandes crises brindan grandes oportunidades, e aquí está a do xornalista.

O xornalismo é unha profesión necesaria pero infravalorada

Aquí temos outra remesa de futuros comunicadores que ven na profesión do xornalista un eslabón fundamental para o bo funcionamento dunha sociedade en democracia. É así porque, como di Alba Naveira, "cada vez hai máis información e está máis accesible", pero entre tantos datos, alguén ten que cumprir a misión de dicir o que vale e o que non. E ese é o xornalista. Ademais Alba di algo importantísimo que é que "unha cousa é ver e outra saber contar". Unha frase que enche a boca de calquera xornalista, pois a súa labor é comunicar calquera tema a unha audiencia heteroxénea, e iso é o que aprendemos en catro anos de carreira.

Pero non todo o mundo ve no xornalismo unha profesión de proveito. A familia de Fernando Barros desexaba que el seguise os pasos do seu avó, que era avogado. Fernando non quixo continuar coa traxectoria familiar e decantouse polo xornalismo porque é o que realmente lle interesa. O ideal -á vez que utópico, para que enganarnos- sería que se valorase o traballo dun profesional do xornalismo como se valora o dun avogado por exemplo. Para resolver un pleito ninguén chama a un sociólogo no canto dun letrado. Supónselle certo coñecemento na área posto que recibíu unha formación. Cando isto pase, cando o xornalista comece a ser valorado, desaparecerán tanto o intrusismo coma todas as concepcións negativas acerca desta profesión.

Alba Chao, fóra do discurso sobre as vicisitudes que viven os medios, centra o tiro na súa formación. Os anos de carreira axudarona a cambiar a súa visión sobre o xornalismo, a nutrila e adaptala a unha realidade cambiante. De seguro que a curiosidade da moza de Beariz (trazo que non sufriu mudanzas dende a súa infancia) e a súa capacidade para adaptarse ás novas esixencias do mercado laboral a levan a bo porto.

O xornalismo e a rede crecen a diferente ritmo

Novos profesionais para un mercado incerto, como define Verónica López Oseira o que será a súa futura profesión. Esta lucense, licenciada en historia e a piques de rematar xornalismo, observa como a crise e as novas tecnoloxías ameazan o seu futuro. E é que as redaccións dixitais teñen cada vez menos xornalistas e máis programadores. O xornalista ten que reconvertirse e repensar a súa profesión, xa que as esixencias do mercado son diferentes ás dos nosos predecesores. Aínda así non hai que desesperar. O xornalismo na rede é unha pranta pequeniña que hai que regar, e a medida que creza, serán precisos máis coidados. Esperemos que ese momento chegue pronto.

Pola súa banda, Laura Sánchez, estudante procedente de Venezuela, non escatima ganas e entusiasmo no papel que xogarán as novas tecnoloxías, ó tempo que critica o crecemento desigual que sufren os medios en relación á web, situación que cómpre superar. É un futuro ambicioso, pero non imposible. A formación, como salienta Laura, é imprescindible. Debemos sair da facultade coa capacidade de comunicar temas complexos a unha audiencia heteroxénea, e ademais dun xeito creativo ligado ó eido dixital. Como explica Laura, o ciberespazo está reservado ós novos xornalistas, e aí nós temos moito que dicir.

Julia, de Vilagarcía, destaca da súa formación o fomento do espírito crítico. Ela entrou cuns valores e sae con outros totalmente diferentes, o cal se fai extensible ó resto de compañeiros de promoción. Realmente é necesario ter ese espírito crítico para estar dentro do mundo do xornalismo xa que nos leva a indagar e ir atrás da verdade ata que damos con ela.

Cambia o soporte pero permanece o xornalista

Desta tandada de novos xornalistas temos a Marta Rial, Santi Agra e Rocío Álvarez. Cambian os argumentos pero a esencia persiste: facer bo xornalismo nos novos medios.

O xornalismo está sendo obxecto de fondos cambios, pero como Marta di, o que non pode cambiar é a figura do xornalista, que terá que seguir aí a pesar das mudanzas no soporte. Os xornalistas son á información, o que un arquitecto a un edificio, ou un cirurxián a unha operación a corazón aberto. Nuns casos estará en xogo que o edificio non caia, e no caso dos xornalistas temos nas mans a opinión pública e o dereito dos cidadáns a estar informados.

Santiago ponlle un toque diferente á súa reflexión mediante a introdución do tema da lingua. O xornalismo galego ten un gran horizonte no universo lusófono, segundo este santiagués de berce, e debe ser aprobeitado para facerse ver nesta sociedade globalizada. Obviamente tampouco debemos perder a nosa identidade por ter un sitio nese escenario, pero temos que ser abondo intelixentes para explotar as nosas particularidades e distinguirnos.

Pola súa banda, Rocío fai unha interesante reflexión sobre o papel do xornalista como timonel dun barco que leva sobrecarga. A abundancia de información hoxe en día fai que a figura do profesional da información sexa máis necesaria que nunca. É por isto que cómpre conservar os valores ligados historicamente á profesión sen deixar de mirar cara adiante en todo momento.

viernes, 21 de mayo de 2010

Un xornalismo enfermo e inadaptado

Déborah e Duarte son estudantes de xornalismo que están a cursar o seu último ano. Nunha semana serán licenciados e ábrese ante eles un mundo novo que non parece estar no seu mellor momento. Pero das grandes crises nacen as grandes oportunidades, e vese que a estes dous mozos ideas non lles faltan.

"O xornalismo está enfermo", afirma Déborah, unha estudante de Vilagarcía que está a piques de rematar a súa carreira de xornalismo. É certo que o xornalismo está convalecente. Padece de intrusismo, precariedade e moitas outras cousas que atacan ós seus profesionais. Sen embargo parece que todos estamos a centrarnos na súa reconversión e o paso ó dixital, que non hai que menosprezar, pero é interesante esa reflexión sobre o estado dos pilares que sosteñen todo o entramado mediático. Sen dúbida non hai xornalismo sen xornalistas, aínda que semella que hoxe en día calquera pode selo.

Duarte Romero, un naronés con determinación nas súas ideas e un claro escoramento cara ó eido dixital, ve nas novas tecnoloxías unha grande oportunidade que non está sendo explotada debidamente polos medios de comunicación. A día de hoxe a simple envorcadura da nova na rede carece de sentido. O modo de consumir a información en internet é radicalmente diferente ó modo de consumila no papel. O público dos medios dixitais quere unha información breve, actualizada ó segundo e con ligazóns a outras webs onde seguir ampliando contidos. A lectura non liñal aínda non está totalmente interiorizada nas redaccións dos xornais tradicionais, pero agardemos que en breve poidamos ver unha mudanza neste eido.

Ambos artigos teñen sentido por separado, pero xuntos conforman unha poderosa engranaxe: facer xornalismo de calidade a través dos digital media.




jueves, 22 de abril de 2010

Xornalistas 2.0

As novas tecnoloxías e o papel do xornalista como mediador son dous dos vectores destacados na visión de futuro dos novos profesionais do xornalismo. A prensa está mudando e evolucionando cara a un novo modelo do que internet parece ser a pedra angular. Aínda así, o traballo dos comunicadores segue sendo a base. E se non, que llo pregunten a Jorge e Andrea, dous mozos a punto de converterse en licenciados en xornalismo pola Universidade de Santiago.

Andrea leva case catro anos escoitando os comentarios negativos dos seus profesores e achegados acerca do futuro dos medios. Aínda así, ela móstrase esperanzada: “penso que a figura do xornalista vai seguir resultando imprescindible”, comenta no seu artigo de Galicia Hoxe. E é que esta ourensá ten moi claro que a pesar das mudanzas no soporte (internet) e a participación cidadá, a labor do xornalista seguirá sendo indispensable como garantía de veracidade.

Un pouco máis cara arriba, na Costa da Morte, atopamos outra promesa do xornalismo. Jorge Lema -amante dos deportes e futuro licenciado- centra o tiro na formación: “sen moita opción no mundo laboral pola crise mundial que nos afecta a todos, a mellor idea parece seguir formándose”. Pero o malpicán non só fala de crise económica no seu artigo, senón que vai máis alá e aventúrase a afondar na crise estrutural que sofren os propios medios. Segundo Lema, o traballo e afán de superación son a mellor arma de loita contra as adversidades. Ó xornalista correspóndelle ofrecer cada día unha información digna e capaz de seguir exercendo a función social que lle leva sendo atribuída historicamente ós medios de comunicación.

lunes, 19 de abril de 2010

KEEP HD: descarga vídeos de xeito rápido e intuitivo

Esta aplicación está destinada á descarga de vídeos de Youtube ou calquera outro portal de vídeos. O seu funcionamento é moi sinxelo, e con tan só un par de clicks poderás ter o video que che interese no escritorio do teu ordenador.

Para comezar, cómpre entrar no site de keepHD e introducir a URL do vídeo que desexas descargar. Para iso é preciso copiala previamente da páxina de orixe. Unha vez introducido, o vídeo comezará a descargarse ben en FLV (baixa calidade), 3GP (calidade media) ou MP4 (alta calidade).

As instruccións de manexo da aplicación aparecen en inglés na páxina, mais o funcionamento é tan intuitivo que case non son precisas as indicacións. Os creadores piden expresamente que se lle dea repercusión ó sitio a través de ligazóns nas redes sociais, e permiten compartir o site en facebook, twitter ou delicious -entre outros-, así como enviar a ligazón mediante correo electrónico.

Concretamente estes son os sitios dende os que podemos descargar vídeos con KeepHD:


E se despois de todo isto non vos quedou claro, aquí vos queda un sinxelo tutorial

miércoles, 10 de marzo de 2010

Metas (ciber)espaciais

Recordo que, cando era nena, un rapaz da miña clase me dixera que de maior ía ser astronauta, para descubrir novos mundos e ver se aínda quedaba algún dinosaurio por aqueles remotos lares. Eu rírame en sinal de mofa, dándolle a entender que aquilo era practicamente imposible. Hoxe en día, cando digo que quero ser xornalista, síntome case coma o neno astronauta: inxenua, soñadora e con metas espaciais.

Pero, cal é o problema do negocio da prensa? Os cesteiros deixaron de facer cestas porque a xente parou de compralas, pero deixou a xente de ler o xornal? Non, agora lese na rede. E probablemente esteamos a ler máis ca nunca, así que o problema tampouco vén dunha crise de valores, como se está a aventurar. A pregunta é: por que pagar por algo que podo ter gratis? E por outro lado: Estan os medios cavando a súa propia tumba?

Personalmente penso que estamos máis ante un nicho de mercado ca ante un nicho funerario. O problema parece ser que o modelo de negocio non é viable, pois non se percibe remuneración polos contidos. Pero acaso a prensa escrita vive das vendas de xornais? Non é a publicidade a principal fonte de ingresos? Tamén a rede ofrece espazo para os anunciantes, e as auditorías cada vez son máis precisas.

Non creo na morte da prensa, creo na súa reconversión, así coma na do xornalista. Finalmente non ía tan desencamiñado o meu amigo: o futuro debúxase no (ciber)espazo.

miércoles, 3 de marzo de 2010

Interactividade no diario Faro de Vigo


COMENTARIOS

Faro de Vigo ofrécelle ós usuarios a posibilidade de interactuar cos contidos na medida en que lle permite deixar comentarios ó carón das noticias que saen publicadas na páxina web. Ademais, desta forma os lectores do xornal non só teñen posibilidade de interactuar expresando a súa opinión a respecto do que se publica nesa noticia senón que tamén poden comentar as achegas dos outros usuarios, establecéndose deste xeito unha comunicación entre eles. A participación do lector faise pública na páxina e os demais usuarios poden acceder ás súas achegas, por tanto o lector pode ser ó mesmo tempo receptor e produtor de contidos.

Chama a atención o feito de que inviten ós lectores a comentar unha noticia xa na primeira páxina, xusto debaixo do titular. Ademais, nas noticias que admiten comentarios aparece indicado tamén debaixo do titular o número de comentarios que teñen.

Tamén existen unha serie de normas a respecto dos comentarios: non é preciso rexistrarse, cómpre cinguirse ó tema da noticia, non se permiten insultos ou inxurias e o comentario é vetado en caso de ser escrito totalmente en letras maiúsculas. O Faro de Vigo resérvase o dereito a eliminar aqueles comentarios que incumplan estas normas.


O + VISTO

O lector ten a posibilidade de votar as novas que máis lle gusten na páxina web. Isto é posible mediante un sistema de voto inserto na propia noticia e cuxo reconto aparece nunha pestana denominada LO + VISTO. Deste xeito o lector vota as novas que máis lle interesen e logo pode comprobar se están entre as máis destacadas polo resto dos lectores. Asimesmo existe un apartado dentro de LO + VISTO de noticias “máis vistas”, un contador de visitas que reflicte os temas que suscitan maior interese en xeral para os lectores de Faro de Vigo. Cómpre dicir que, posto que a páxina principal adoita ir destinada a temas que acontecen principalmente na cidade de Vigo e boa parte dos lectores deste xornal concéntranse nesta cidade, son as noticias realizadas en Chapela as que con maior frecuencia aparecen na sección de LO + VISTO.

OPINIÓNS

Nesta pestana ofrécenselle ó lector varias posibilidades:

- Cartas dos lectores: poden enviar cartas sobre asuntos de actualidade para facer unha crítica ou unha aprobación dun tema que afecte á cidadanía. Logo o resto dos lectores poden comentar esa carta, sempre e cando non empreguen linguaxe despectiva nin utilicen o sitio como medio de promoción de calquera actividade ou negocio.

- Fotodenuncias: adoitan ser fotografías que mostran algún desperfecto na cidade e serven de reclamo para que as autoridades poñan cartas no asunto. Van cun pé de foto explicativo e argumentativo e permíteselle ó resto de lectores comentar a foto ou citala noutro sitio web.

- Foro de opinión: os lectores poden abrir temas de debate onde calquera pode participar. Só é preciso rexistrarse cun nome de usuario e o servidor almacena o número de tópicos abertos por ese usuario con ese nickname.

- Galerías: son albumes de fotos que envían os lectores e que poden saír publicados nesta sección se se consideran interesantes. Hoxe en día hai un sobre o Vigo dos anos 20 e o botellón.


ENQUISAS

Non aparecen nunha sección fixa, senón que adoitan aparecer nos bordes da páxina en diferentes seccións. Os lectores poden responder a cuestións que se plantexan acerca de temas que lle tocan de cerca. Logo publícanse os resultados da consulta na web.

CONCURSOS

Aínda que hoxe non hai ningún, en verán adoitan facerse concursos diversos. Por exemplo, Miss e Míster Faro de Vigo.


ENCONTROS DIXITAIS

Os lectores poden enviar preguntas a personaxes públicas que estas responderán nunha entrevista.

COMPARTIR

O lector pode enlazar novas do seu interese nas redes sociais para que as vexan os seus amigos

Menéame

Delicious

Digg

Google Bookmarks

Facebook

Yahoo my web

Technorati

Barrapunto

Chuza!

Twitter

miércoles, 24 de febrero de 2010

A USC elixirá reitor o 5 de maio

  • Hoxe publícase o censo e a campaña arranca o 20 de abril
  • A segunda volta parece inevitable con ata seis participantes

O día 5 de maio foi a data escollida finalmente para a celebración das eleccións do que será a cabeza visible da universidade ata o ano 2014, segundo a resolución do reitor actual, Senén Barro. Ademais de remudar a Barro no reitorado, os comicios servirán para decidir os representantes do Claustro Universitario e os Consellos de Departamento, segundo o establecido pola Comisión Electoral Central, formada por persoal docente, alumnos e administrativos.

Estas eleccións preséntanse máis abertas ca nunca, pois agárdanse seis candidatos á rectoría, o triple ca no ano 1984, única ocasión en que se presentaron máis de dous. Os rectorables previstos son Mercedes Brea, Laura Sánchez Piñón, Lourenzo Fernández Prieto -única candidatura confirmada-, Jaime González Márquez, Pilar Bermejo e Casarses Long. Ademais, será a primeira vez que concurran mulleres á cadeira de San Xerome, concretamente a ex – conselleira Laura Sánchez Piñón e a filóloga Mercedes Brea , e agárdase que o faga tamén a química Pilar Bermejo.

Segunda volta

O prazo de candidaturas estará aberto do 20 de marzo ao 7 de abril, coñecéndose as definitivas o día 19 do mesmo mes. Xusto ao día seguinte, o 20 de abril, arrancará a campaña electoral, que se estenderá ata o 3 de maio, e terá lugar no campus de Compostela e o de Lugo.

No caso de producirse un empate, haberá unha segunda volta na que participarán as dúas opcións máis votadas, o cal sentaría un precedente na USC. De dárse o caso, a cita coas furnas sería de novo o día 24 de maio, e a proclamación da nova cabeza visible da institución académica compostelá levaríase a cabo o día 4 de xuño.

Voto ponderado

Para a elección do reitor ou reitora e dos representantes do Claustro, os sectores electorais serán o Persoal Docente e Investigador (PDI) funcionario doutor, outro PDI (funcionario non doutor, profesorado contratado e outro PDI contratado), os investigadores en formación e estudantes de terceiro ciclo e posgrao, os estudantes de primeiro e segundo ciclo e o Persoal de Administración e Servizos (PAS).

Mais non teñen o mesmo valor os votos dos diferentes sectores. Os Estatutos da Universidade establecen que o sistema de elección do máximo representante da institución será mediante o sufraxio universal ponderado, no que o persoal docente ten máis peso ca outros sectores. Isto explica que nos comicios anteriores, no ano 2006, pese ao empate técnico en número de votos entre Barro e Casares Long, o voto ponderado decantase a balanza claramente cara ó lado de Barro, xa que Casares Long aglutinou moitos votos de estudantes.