jueves, 22 de abril de 2010

Xornalistas 2.0

As novas tecnoloxías e o papel do xornalista como mediador son dous dos vectores destacados na visión de futuro dos novos profesionais do xornalismo. A prensa está mudando e evolucionando cara a un novo modelo do que internet parece ser a pedra angular. Aínda así, o traballo dos comunicadores segue sendo a base. E se non, que llo pregunten a Jorge e Andrea, dous mozos a punto de converterse en licenciados en xornalismo pola Universidade de Santiago.

Andrea leva case catro anos escoitando os comentarios negativos dos seus profesores e achegados acerca do futuro dos medios. Aínda así, ela móstrase esperanzada: “penso que a figura do xornalista vai seguir resultando imprescindible”, comenta no seu artigo de Galicia Hoxe. E é que esta ourensá ten moi claro que a pesar das mudanzas no soporte (internet) e a participación cidadá, a labor do xornalista seguirá sendo indispensable como garantía de veracidade.

Un pouco máis cara arriba, na Costa da Morte, atopamos outra promesa do xornalismo. Jorge Lema -amante dos deportes e futuro licenciado- centra o tiro na formación: “sen moita opción no mundo laboral pola crise mundial que nos afecta a todos, a mellor idea parece seguir formándose”. Pero o malpicán non só fala de crise económica no seu artigo, senón que vai máis alá e aventúrase a afondar na crise estrutural que sofren os propios medios. Segundo Lema, o traballo e afán de superación son a mellor arma de loita contra as adversidades. Ó xornalista correspóndelle ofrecer cada día unha información digna e capaz de seguir exercendo a función social que lle leva sendo atribuída historicamente ós medios de comunicación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario