martes, 25 de mayo de 2010

Onde hai rede, hai esperanza

Todos somos conscientes de que os medios de comunicación tradicionais están acomodados en rutinas. O copy paste, a transcrición literal das notas de prensa ou a inexistencia de preguntas nas rodas de prensa dan conta dun xornalismo que deixou de informar, como un día dixo Bru Rovira. A rutinización está á orde do día, e disto dá boa conta Manuel Rodríguez Santabaya, un mozo de Mazaricos que ve na internet un xeito de loitar contra a tiranía das grandes empresas mediáticas.

Para Alba Pinto, outra promesa do xornalismo, a mercantilización da información é un dos maiores lastres do xornalismo. As empresas mediáticas buscan a rentabilidade a través de contidos cada vez máis banales e menos relevantes. Alba afirma que a internet contribúe a derribar esa barreira porque detrás pode non haber intereses económicos. Na rede, todos e todas podemos ter voz propia e ser oídos. Os xornalistas teremos que facernos un oco e repensar esta profesión sen morrer no intento.

E aquí remata esta remesa de artigos. Pequenas pezas que mostran o xeito en que cada un dos futuros xornalistas ven a profesión agora que están a piques de incorporarse ás súas ringleiras.

lunes, 24 de mayo de 2010

O escepticismo preside os contidos xornalísticos na rede

Outra remesa de xornalistas con ganas de saír ó mundo do traballo para ver cos seus propios ollos a realidade de todo o que se está a aventurar son Borja, Merce e Gemma.

Para Borja, a aparición no escenario mediático dun novo soporte non implicará a desaparición dos existentes, senón que os obrigará a mellorar para poder competir nun escenario cada vez máis complicado. En internet multiplícanse as voces,e por tanto as canles de información serán máis e máis diversas. Haberá que ver a estratexia da radio, a tele e a prensa para facerlle fronte ó xigante.

Quizás na diferenciación estea a resposta á anterior cuestión. Nisto reparou Mercedes Rey, que de pequena quería ser decoradora de interiores pero logo mudou a súa idea cara á que, como dicía Déborah, é a profesión máis fermosa do mundo. Na diferenciación está sempre a clave. Hoxe estamos saturados por todas partes, non só no ámbito do xornalismo. Porén, seguen a nacer iniciativas de novos emprendedores que teñen unha visión diferente das cousas, e que cos mesmos ingredientes en diferente orde teñen un produto innovador e sumamente atractivo.

Por último, Gemma, que representa o escepticismo con respecto á web, ten claro que o que sucede é que a xente lle ten medo á información, ou máis ben a informarse. Sostén esta santiaguesa que na internet perdémonos e non somos capaces de distinguir entre a verdade, o erro, a mentira ou a difamación. Non hai firmas en moitas ocasións. Grandes crises brindan grandes oportunidades, e aquí está a do xornalista.

O xornalismo é unha profesión necesaria pero infravalorada

Aquí temos outra remesa de futuros comunicadores que ven na profesión do xornalista un eslabón fundamental para o bo funcionamento dunha sociedade en democracia. É así porque, como di Alba Naveira, "cada vez hai máis información e está máis accesible", pero entre tantos datos, alguén ten que cumprir a misión de dicir o que vale e o que non. E ese é o xornalista. Ademais Alba di algo importantísimo que é que "unha cousa é ver e outra saber contar". Unha frase que enche a boca de calquera xornalista, pois a súa labor é comunicar calquera tema a unha audiencia heteroxénea, e iso é o que aprendemos en catro anos de carreira.

Pero non todo o mundo ve no xornalismo unha profesión de proveito. A familia de Fernando Barros desexaba que el seguise os pasos do seu avó, que era avogado. Fernando non quixo continuar coa traxectoria familiar e decantouse polo xornalismo porque é o que realmente lle interesa. O ideal -á vez que utópico, para que enganarnos- sería que se valorase o traballo dun profesional do xornalismo como se valora o dun avogado por exemplo. Para resolver un pleito ninguén chama a un sociólogo no canto dun letrado. Supónselle certo coñecemento na área posto que recibíu unha formación. Cando isto pase, cando o xornalista comece a ser valorado, desaparecerán tanto o intrusismo coma todas as concepcións negativas acerca desta profesión.

Alba Chao, fóra do discurso sobre as vicisitudes que viven os medios, centra o tiro na súa formación. Os anos de carreira axudarona a cambiar a súa visión sobre o xornalismo, a nutrila e adaptala a unha realidade cambiante. De seguro que a curiosidade da moza de Beariz (trazo que non sufriu mudanzas dende a súa infancia) e a súa capacidade para adaptarse ás novas esixencias do mercado laboral a levan a bo porto.

O xornalismo e a rede crecen a diferente ritmo

Novos profesionais para un mercado incerto, como define Verónica López Oseira o que será a súa futura profesión. Esta lucense, licenciada en historia e a piques de rematar xornalismo, observa como a crise e as novas tecnoloxías ameazan o seu futuro. E é que as redaccións dixitais teñen cada vez menos xornalistas e máis programadores. O xornalista ten que reconvertirse e repensar a súa profesión, xa que as esixencias do mercado son diferentes ás dos nosos predecesores. Aínda así non hai que desesperar. O xornalismo na rede é unha pranta pequeniña que hai que regar, e a medida que creza, serán precisos máis coidados. Esperemos que ese momento chegue pronto.

Pola súa banda, Laura Sánchez, estudante procedente de Venezuela, non escatima ganas e entusiasmo no papel que xogarán as novas tecnoloxías, ó tempo que critica o crecemento desigual que sufren os medios en relación á web, situación que cómpre superar. É un futuro ambicioso, pero non imposible. A formación, como salienta Laura, é imprescindible. Debemos sair da facultade coa capacidade de comunicar temas complexos a unha audiencia heteroxénea, e ademais dun xeito creativo ligado ó eido dixital. Como explica Laura, o ciberespazo está reservado ós novos xornalistas, e aí nós temos moito que dicir.

Julia, de Vilagarcía, destaca da súa formación o fomento do espírito crítico. Ela entrou cuns valores e sae con outros totalmente diferentes, o cal se fai extensible ó resto de compañeiros de promoción. Realmente é necesario ter ese espírito crítico para estar dentro do mundo do xornalismo xa que nos leva a indagar e ir atrás da verdade ata que damos con ela.

Cambia o soporte pero permanece o xornalista

Desta tandada de novos xornalistas temos a Marta Rial, Santi Agra e Rocío Álvarez. Cambian os argumentos pero a esencia persiste: facer bo xornalismo nos novos medios.

O xornalismo está sendo obxecto de fondos cambios, pero como Marta di, o que non pode cambiar é a figura do xornalista, que terá que seguir aí a pesar das mudanzas no soporte. Os xornalistas son á información, o que un arquitecto a un edificio, ou un cirurxián a unha operación a corazón aberto. Nuns casos estará en xogo que o edificio non caia, e no caso dos xornalistas temos nas mans a opinión pública e o dereito dos cidadáns a estar informados.

Santiago ponlle un toque diferente á súa reflexión mediante a introdución do tema da lingua. O xornalismo galego ten un gran horizonte no universo lusófono, segundo este santiagués de berce, e debe ser aprobeitado para facerse ver nesta sociedade globalizada. Obviamente tampouco debemos perder a nosa identidade por ter un sitio nese escenario, pero temos que ser abondo intelixentes para explotar as nosas particularidades e distinguirnos.

Pola súa banda, Rocío fai unha interesante reflexión sobre o papel do xornalista como timonel dun barco que leva sobrecarga. A abundancia de información hoxe en día fai que a figura do profesional da información sexa máis necesaria que nunca. É por isto que cómpre conservar os valores ligados historicamente á profesión sen deixar de mirar cara adiante en todo momento.

viernes, 21 de mayo de 2010

Un xornalismo enfermo e inadaptado

Déborah e Duarte son estudantes de xornalismo que están a cursar o seu último ano. Nunha semana serán licenciados e ábrese ante eles un mundo novo que non parece estar no seu mellor momento. Pero das grandes crises nacen as grandes oportunidades, e vese que a estes dous mozos ideas non lles faltan.

"O xornalismo está enfermo", afirma Déborah, unha estudante de Vilagarcía que está a piques de rematar a súa carreira de xornalismo. É certo que o xornalismo está convalecente. Padece de intrusismo, precariedade e moitas outras cousas que atacan ós seus profesionais. Sen embargo parece que todos estamos a centrarnos na súa reconversión e o paso ó dixital, que non hai que menosprezar, pero é interesante esa reflexión sobre o estado dos pilares que sosteñen todo o entramado mediático. Sen dúbida non hai xornalismo sen xornalistas, aínda que semella que hoxe en día calquera pode selo.

Duarte Romero, un naronés con determinación nas súas ideas e un claro escoramento cara ó eido dixital, ve nas novas tecnoloxías unha grande oportunidade que non está sendo explotada debidamente polos medios de comunicación. A día de hoxe a simple envorcadura da nova na rede carece de sentido. O modo de consumir a información en internet é radicalmente diferente ó modo de consumila no papel. O público dos medios dixitais quere unha información breve, actualizada ó segundo e con ligazóns a outras webs onde seguir ampliando contidos. A lectura non liñal aínda non está totalmente interiorizada nas redaccións dos xornais tradicionais, pero agardemos que en breve poidamos ver unha mudanza neste eido.

Ambos artigos teñen sentido por separado, pero xuntos conforman unha poderosa engranaxe: facer xornalismo de calidade a través dos digital media.