- Hoxe publícase o censo e a campaña arranca o 20 de abril
- A segunda volta parece inevitable con ata seis participantes
O día 5 de maio foi a data escollida finalmente para a celebración das eleccións do que será a cabeza visible da universidade ata o ano 2014, segundo a resolución do reitor actual, Senén Barro. Ademais de remudar a Barro no reitorado, os comicios servirán para decidir os representantes do Claustro Universitario e os Consellos de Departamento, segundo o establecido pola Comisión Electoral Central, formada por persoal docente, alumnos e administrativos.
Estas eleccións preséntanse máis abertas ca nunca, pois agárdanse seis candidatos á rectoría, o triple ca no ano 1984, única ocasión en que se presentaron máis de dous. Os rectorables previstos son Mercedes Brea, Laura Sánchez Piñón, Lourenzo Fernández Prieto -única candidatura confirmada-, Jaime González Márquez, Pilar Bermejo e Casarses Long. Ademais, será a primeira vez que concurran mulleres á cadeira de San Xerome, concretamente a ex – conselleira Laura Sánchez Piñón e a filóloga Mercedes Brea , e agárdase que o faga tamén a química Pilar Bermejo.
Segunda volta
O prazo de candidaturas estará aberto do 20 de marzo ao 7 de abril, coñecéndose as definitivas o día 19 do mesmo mes. Xusto ao día seguinte, o 20 de abril, arrancará a campaña electoral, que se estenderá ata o 3 de maio, e terá lugar no campus de Compostela e o de Lugo.
No caso de producirse un empate, haberá unha segunda volta na que participarán as dúas opcións máis votadas, o cal sentaría un precedente na USC. De dárse o caso, a cita coas furnas sería de novo o día 24 de maio, e a proclamación da nova cabeza visible da institución académica compostelá levaríase a cabo o día 4 de xuño.
Voto ponderado
Para a elección do reitor ou reitora e dos representantes do Claustro, os sectores electorais serán o Persoal Docente e Investigador (PDI) funcionario doutor, outro PDI (funcionario non doutor, profesorado contratado e outro PDI contratado), os investigadores en formación e estudantes de terceiro ciclo e posgrao, os estudantes de primeiro e segundo ciclo e o Persoal de Administración e Servizos (PAS).
Mais non teñen o mesmo valor os votos dos diferentes sectores. Os Estatutos da Universidade establecen que o sistema de elección do máximo representante da institución será mediante o sufraxio universal ponderado, no que o persoal docente ten máis peso ca outros sectores. Isto explica que nos comicios anteriores, no ano 2006, pese ao empate técnico en número de votos entre Barro e Casares Long, o voto ponderado decantase a balanza claramente cara ó lado de Barro, xa que Casares Long aglutinou moitos votos de estudantes.